jueves, 1 de diciembre de 2011

O NENO ISRAEL




Por Fernando Méndez

Israel é un neno que medra. Cos seus medos, ilusións e sorrisos. Leva medrando décadas, séculos, e a cada paso que sobe na escala da Humanidade, o mundo decátase da súa sinxeleza e complexidade á vez: ten personalidade, pero escoita; ten orgullo, pero tamén modestia; ten historia, pero vive o presente. Ten memoria, pero só para aquilo que verdadeiramente importa, e pelexa polo seu coa mellor arma: a palabra.

O neno Israel olla, curioso, un mundo que se abre a novas sensacións e novas maneiras de entender a vida. Sabe viaxar polos recordos da man dos avós pero non quere ancorarse nas lembranzas, e prefire xogar no moderno parque da realidade para construír nel un futuro onde "xogar a vivir" sexa o mellor dos proxectos.

Como neno que é, Israel sabe ser audaz e nada egoísta. O egoísmo é cousa dos maiores, dos que nunca foron nenos e non son quen de comprender que para botarse a andar pola vida cómpre só un peto cheo de amor, nada máis. Israel comparte, e iso sábeno todos no parque, e cada día son máis os nenos que xogan con el buscando tesouros entre as areas da liberdade. Tesouros de solidariedade, comprensión, amizade… que se atopan sen necesidade de cavar moito, mesmo na pel da area, porque a verdadeira riqueza dos nenos non fai falla buscala nas profundidades: aboia sen dificultade.

Israel durme polas noites coa mesma facilidade que esperta á mañanciña. Durme lembrando, esperta ilusionado, e así vai facendo camiño, sen esquecer que un neno con moitos séculos ás costas nunca ten tempo de aburrirse: ás veces imaxina que é un país, con xente, ríos e montañas; outras, que é un pensamento, e viaxa polos ceos brincando entre nubes e cidades.

Pero Israel ten algo que ninguén posúe: un inmenso corazón cheo de amor, que late con forza e que trema, telúrico, en cada recuncho do mundo. Late con tanta forza ese corazón que mesmo atrona nas mentes dos que pasan a vida durmindo sen escoitar a ninguén.

Israel é un neno, de corazón inmenso. Por iso ten o sorriso da sinceridade.