jueves, 1 de diciembre de 2011

XERUSALÉN, XERUSALÉN




Por Xoán Bernárdez Vilar


No ano 1947, cando os medios informativos nos abraiaban co relato das matanzas que os árabes estaban a cometer entre a poboación hebrea do Oriente medio, eu tiña nada máis que once anos. Pero entendín, ou polo menos crín ter entendido naquel intre, a transcendencia que a aprobación pola ONU da división do territorio de Palestina entre xudeus e árabes, o 29 de novembro daquel mesmo ano, podía representar. Non entendín, porén, porque tales matanzas non se detiveron naquel mesmo intre, xa que mentres que os xudeus aceptaron a partición, a pesar de que ésta non lles concedía algunhas das terras que entendían que debían de lles corresponder, os árabes amosáronse abertamente contrarios a ela. Un profesor meu, tirándoo de non sei onde, tratou de me convencer entón de que aquilo era de esperar pois os hebreos estaban condenados a non crear nunca máis un estado, posto que ninguén estaba disposto a recoñecerllo.

Non me sorprendeu, pois, que o 15 de maio do ano 1948, ao día seguinte da marcha dos británicos de Terra Santa, e da proclamación do Estado de Israel, éste fora invadido polas forzas de todos países árabes veciños. Foi aquela unha loita dura, que puido ser seguida en xornais e emisoras de radio con grande profusión de datos, e que, varios meses despois, remataba co sorprendente trunfo de Israel, e a inmediata firma, na illa de Rodas, de tratados de paz entre cantos nela perticiparon, a non ser o Irak, que se negou a facelo. Inmediatamente, o 11 de maio de 1949, Israel foi recoñecido de iure e de facto na ONU por 95 dos 121 estados que entón integraban dito Organísmo.

Coma reacción, os países árabes expulsaron dos seus territorios a máis de 600.000 xudeus, gran parte dos cales tiveron que seren acollidos polo novo estado.

Cantos vivimos aquela xeira puidemos seguir entón feitos tan pouco aleccionadores como os de que, os árabes que daquela firmaran o referido desarme con Israel, comprometéndose a manter a paz, non preparar agresións contra as forzas armadas nin a poboación civil da outra parte, así como a non violar as novas fronteiras, deron pé inmediato aos defrontamentos de 1956, 1967,1973, e outros, que se desenrolaron no sur do Líbano, ou en Gaza, lugares dende onde eran disparados mísiles contra a poboación civil do estado hebreo.

Tamén fumos testemuñas da conferencia dos Xefes de Estado árabes en Khartum, a capital do Sudán, que tivo lugar apenas rematada a guerra de 1967, conferencia na que decidiron “non negociar, non acordar a paz, e non recoñecer a Israel”.

Lembro estes feitos porque agora está de moda contar unha historia diametralmente distinta da que veño de expoñer, na que priman outros bos e outros malos.

Mais quen se queira enteirar do que entón aconteceu ten á súa disposición libros e informacións dabondo documentados que lle poden axudar a reconstruir o dilatado proceso que nos ocupa. Lembremoslle a todos eles que dende antes do século XVI o Oriente Medio formaba parte do Imperio Turco –os turcos non son árabes-, e que a mediados do século XIX a comunidade xudía de Xerusalem mercou algunhas terras para principiar a facelas fructificar. Tres anos despois (1860) o pròcer británico Sir Moses Montefiore construía na parte occidental da mesma cidade o seu primeiro barrio extramuros e realizaba plantacións de laranxeiras nas inmediacións de Yaffo.
Temos tamén relatos de xentes que visitaron personalmente o país, que dan conta da situación das súas árdigas terras e dos seus escasos habitantes ao longo dese século XIX. Así, o francés René de Chateaubriand recolleu cara a 1807 detallados informes sobre os mesmos, o norteamericano Mark Twain imitouno arredor de 1867, e o francés Pierre Loti deixounos o relato do seu percorrido por aquelas terras en 1895. Influíu tamén moito no desenvolvemento de quenes vivían naquela insegura Palestina a familia xudía Rosthschild, que mercou terras para convertelas en asentamentos e proxectos empresariais.

Os xudeus fixéronse, a finais do século XIX e principios do XX, con cantos terreos estaban entón á venda, a pesar de que o Sultán de Constantinopla recomendou non facilitarlles o acceso aos que se atopaban nas marxes do río Xordán. Unha circunstancia que se repetiu máis tarde, despois de que, a partir de 1917, os británicos pasaron a ser os novos donos do Territorio.

En 1909, a adquisición duns improductivos areais costeiros situados ao sur da chaira de Sharon, permitíu a construcción neles dunha cidade nidiamente hebrea, Tel Aviv, feito que cadrou co xurdimento entón dos primeiros kibbuttzim. Hoxe Tel Aviv é a cidade máis poboada de Israel. E despois da Independencia -1948-49- seguíu a ser información diaria a dos grupos de felahin que cruzaban a fronteira para asasinar a cantos atopaban diante. Ao mesmo tempo, fíxonos tamén sabedores do sorprendente progreso agrícola, industrial, económico e social do novo estado.

Para quen, coma min, medrou contemplando a precariedade e as carencias coas que se vivíu en Galicia, coñecendo de perto as lacras da falta de medios e da emigración, saber que noutra terra, noutro país, outras xentes eran capaces de facer rexurdir das súas cinzas a súa vella patria, representou un auténtico estímulo, aínda sabedor de que elas o tiñan máis difícil que nós. Porque Israel atopábase nun medio hostil, capaz de atacar, matar, ou falsear os feitos. Eu estaba presente cando o día 15 de novembro pasado, un grupo de exaltados –algúns deles mesmo profesores- boicoteou e impedíu, no medio de berros, insultos e agresións, que Lior Haiat, Portavoz da Embaixada de Israel en España, poidese impartir na Universidade de Vigo unha conferencia-coloquio acerca dos “25 anos de Relacións entre España e Israel”. Entre as moitas “razóns” por aqueles esgrimidas para xustificar a súa postura estaba a auténticamente sorprendente de culpar ao estado hebreo da morte de Gadaffi.

Para min, Israel non só é un exemplo a imitar, senón tamén o derradeiro baluarte fronte á irracionalidade e a barbarie.