jueves, 1 de diciembre de 2011

PRESENTACIÓN


Hai xa cinco anos desde aquel chuvioso primeiro de decembro de 2006 en Compostela no que un ilusionado grupo de xentes chegadas de toda Galicia reunímonos para dar a luz a que sería a Asociación Galega de Amizade con Israel – AGAI

Un feixe de galegos e galegas que nos días finais de 2006, Ano declarado publicamente da Memoria, dimos o paso colectivo de conxuntar esforzos e ilusións na defensa do noso patrimonio, da nosa memoria. A nosa memoria, a nosa Memoria Histórica como galegas e galegos non se pode comprender sen entender e sen atender a pegada que a presenza secular do pobo xudeu deixou entre nós. Porque non é só pétreo barrio xudeu de Ribadavia, o pobo xudeu, que cen anos após o edicto de Expulsión dos Reis Católicos aínda permanecía entre nós (o mestre Álvaro Cunqueiro mantiña que realmente os xudeus nunca abandonaron Galicia) tivo unha forte presenza nos catro puntos cardinais do noso País. Desde A Coruña a Tui. Desde Monforte de Lemos a Santiago de Compostela. Desde Allariz a Pontevedra. Desde Ribadavia a Betanzos. Ou ben outro exemplo do testemuño xudeu galego nas fermosísimas páxinas da incomprensibelmente pouco coñecida e excepcional Biblia Kennicot. A Biblia xudía de Galicia. Recuperar pois, a memoria daqueles tempos é recuperármonos un pouco mais a nós mesmos, como galegos construídos ao longo da nosa historia.

Mais ese feixe de galegos que un primeiro de decembro chuvioso de 2006 xuntámonos en Compostela somos tamén europeos. E no corazón da nosa Europa, no corazón do aínda quente século XX, Europa pariu a maior besta que as terras e os tempos deron a luz. O nazismo, coa súa delirante e inhumana industria do exterminio, é o punto álxido de séculos de débeda moral acumulada de Europa coa súa propia alma xudía. Recordar o Holocausto é obriga moral de todos os que militamos con paixón na nosa condición humana. É a nosa obriga mantermos aceso o facho do recordo na memoria dos millóns de mortos sen tumba. Loitar xa que logo contra a banalización e o esquecemento da Shoah, é obriga, ou debera selo, de todo demócrata.

Agora que AGAI cumpre os seus primeiros cinco anos de camiñar, seguimos constatado no día a día que a visión que na maioría das ocasións ten a cidadanía do conflito árabe-israelí non se axusta á realidade. Porque o problema non se pode tratar coma normalmente se trata, coma un guión en branco e negro e un western de bos e malos. Este é sen dúbida un conflito dramático, poliédrico, con mil aristas e matices, que esixen un esforzo de atención que moitas veces por diferentes motivos non se ten. E como tal non pode ser tratado desde posicións simplistas, maniqueas e sesgadas que presenten como información o que só é propaganda antiisraelí. E desde logo, manter posicións acríticas cos palestinos, como se despois de 63 anos de conflito non tiveran ningunha responsabilidade na súa non resolución, é un fraco favor á comprensión do problema.

A.G.A.I. nace co convencemento de que da información real e o máis obxectiva posible virá sen dúbida unha mellor e máis imparcial análise do conflito. E xa que logo, desde hai xa cinco anos achegar información, desde a modestia consciente das nosas limitacións, é un obxectivo fulcral da nosa Asociación Galega de Amizade con Israel.

Non poder resumir cinco anos de actividades nunhas soas liñas é o maior éxito de AGAI. Centos de conferencias, proxeccións, exposicións, publicación e unha incansable presenza na rede, son o noso mellor e máis gratificante aval. Actitudes violentamente antidemocráticas como as que non hai moitos días vimos de padecer, amosan máis unha vez a pertinencia da nosa Asociación.

E quero rematar parafraseando a ese gran galego entre os grandes. Admirador apaixonado da cultura xudía que foi o mestre Don Álvaro Cunqueiro, e dicir ben alto e ben claro... Mil primaveras máis para a Asociación Galega de Amizade con Israel!

Pedro Gómez-Valadés
Presidente