jueves, 1 de diciembre de 2011

O DESAFÍO COMUNICATIVO




Por Afonso Vázquez-Monxardín

De Galicia a Israel hai catro mil quilómetros. E como nunca os galegos emigramos alá e como tampoco foi destino turístico habitual, o noso coñecemento daquela realidade, e polo tanto a formación da nosa opinión sobre ese país, non adoita contar cos comentarios ou sensacións persoais que nos proporcionaría xente amiga ou coñecida que alí vivise ou que alá viaxase. En puridade, son, pois só o resultado da combinación da información que imos adquirindo ao longo da vida (académica, lecturas, cine, medios de comunicación) co xeito de integrala sobre a nosa bagaxe cultural e actitude humana en cada momento.

Por iso, unha realidade dominada na proxección pública por un conflito, e na que non temos intereses nin referencias persoais directas, convértese nunha pura cuestión ética, da forma en como entendemos o noso ideal do funcionamento do mundo.

E esa percepción, esa posición non só está condicionada pola información recibida, senón por ese cúmulo de ideas previas que nos axudan a simplificar o mundo de xeito automático, non racional; ou sexa, por eses “prexuízos” colectivos cos que tratamos de evitar a tarefa de facer “xuízos” propios constantemente. Por iso, canto menor é a formación da persoa, máis tendencia hai á interiorización deses sumarísimos e desinformados xuízos previos como verdades absolutas, e menos interese hai en afrontar o reto íntimo de enxuizar algo persoalmente. Para iso, cómpre realizar o esforzo intelectual de adquirir, valorar, procesar e decidir sobre un conxunto de informacións, pero tamén sabemos que moitos non están dispostos a emprender ese difícil camiño liberador ante a comodidade simple duns prexuízos inerciais, máxime se son social e comunicativamente, dominantes.

Así pois, para min Israel significa hoxe, principalmente, ese desafío na promoción da apertura comunicativa, do espallamento da necesidade de emprender ese camiño de reflexión liberador. A asunción de posturas minoritarias, sabémolo, é sempre un reto difícil e estimulante, mais é moi difícil tratar de comunicalas e difundilas contra os prexuízos dominantes. ¿Pero como permanencer indiferentes á sorte dun país que recolle a herdanza dun colectivo tan transcendente para a formación material e intelectual do noso mundo, do mundo occidental, como o pobo xudeu? ¿Como ser pasivos ante a apatía duns formadores de opinión que se veñen deixando levar polas posicións maniqueas dos máis extremistas axentes do conflito sen acometer o esforzo de valorar e repensar continuamente a información recibida? En Israel, cremos algúns, non só se decide o destino de oito ou dez millóns de seres humanos. Decídese, o destino da humanidade tal e como a entendemos en occidente.

Israel significa para min, insisto, ese desafío de comunicar que aquel é un país “dos nosos”, con vontade de vivir normalizadamente, con vontade de arranxar os seus problemas, na seguridade de que a única solución ao conflito é a mesma que tentou a ONU no momento de nacemento de Israel. Ou sexa dous estados, un de maioría xudía e outro de maioría árabe e con liberdades públicas universais. As opcións violencia e guerra, a opción de “varrer do mapa”, non poden ser máis que rexeitadas por todos aqueles que compartimos os valores democráticos e occidentais e temos voz pública nos medios. Debemos facer reflexionar aos formadores de opinión españois, de que na solución dese conflito só debemos apoiar opcións que garantan o respecto pola liberdade de opción intrínseca ao ser humano, sexa esta liberdade aplicada a cuestións relixiosas, políticas, sexuais, opcións que supoñan o respecto pola razón, pola igualdade da muller, pola triunfo da ciencia sobre a superstición, en definitiva pola democracia e liberdades do mundo contemporáneo.

Israel para min supón a difícil tarefa de combater estereo-tipos sobre os xudeus nunha terra que nin sequera hai estes tipos para comparar. Supón o reto de facer visible unha voz alternativa, e que esa voz sexa tamén a voz de paz e de esperanza nunha solución que xa estivo preto varias veces, pero que sempre se acabou malogrando. Se Israel fixo a paz con Xordania, con Exipto, con Líbano... se Israel se retirou do Sinai, do Líbano, de Gaza... seguro que tamén será posible a paz cos palestinianos baixo premisas de respecto e fronteiras seguras.

En Europa, ninguén crería en 1946 que menos de cincuenta anos despois, as xuventudes de Francia, Ingalerra, Alemaña, de todos os que combateran naquela Europa esgazada, ía estar fundidas, polas viaxes, polos intercambios, polas tecnoloxías, nunha soa mocidade cos mesmos intereses, os mesmos gustos, a mesma formación, e os mesmos desacougos ante o futuro.

Israel, en fin, para min son as cervexas Goldstar frías que tomei nas noites do verán de 2009 escoitando jazz na rúa, nas animadas terrazas de Ben Yehuda de Xerusalen. Porque as saboreei irmás das Quilmes da Praza Dorrego de Buenos Aires, das Antárcticas do Pelourinho baiano, das Guinness de Temple Bar, das Budweiser de Praga, das London Pride de Convent Garden, das Kronenbourg de Praza dos Vosgos, das Estrella Galicia da Quintana... E seguro, tamén, aquelas Goldstar israelís son irmás desa cervexa palestiniana que aínda non probei, Taybeh. O seu creador, Nadim Khoury, un emigrante en USA retornado para contribuír a construír Palestina desde as bases da modernización económica ironiza que aínda non teñen un país, pero xa teñen unha cervexa. O desexo é que familia Khoury poida ter axiña un estado, producir nel a súa cervexa en paz e liberdade, e que o único ruído de golpes que se oia sexa o brinde da Goldstar coa Taybeh. Israel, para min, é promover camiños informativos que contribúan a coñecer mellor aquela zona, máis alá dos tópicos, e promover así, unha cultura da paz. E nesas andamos.